Este blog educativo está dirixido principalmente ás familias que necesiten de recursos cos que as súas nenas e nenos poidan aprender dende a casa. Esta páxina ofrece unha serie de enlaces e actividades adecuadas para nenos e nenas de Educación Primaria.
Para hoxe traivos un material didáctico para a aprendizaxe da xeometría dos máis usado na historia da educación, o chamado xeoplano. É un taboleiro de madeira no que as nenas e nenos empregan gomas elásticas para crear formas xeométricas de todo tipo. Coa axuda do xeoplano poden ir empezando a recoñecer algunhas das figuras máis básicas. Para que o empregedes correctamente este material, debaixo tedes dúas ligazóns: unha para poder facer un xeoplano caseiro de maneira sinxela e outro para enteder como usalo.
Qué é un xeoplano e como usalo?
Como crear un xeoplano caseiro?
Unha actividade interesante que se pode facer co xeo plano é que o nenos e nenas constrúan coas gomas figuras do que eles queira, por exemplo: animais, obxectos como garfos, mesas, etc, etc. Posteriormente terían que recoñecer as formas xeométricas que empregaron para crear esas figuras. Lembrade que primeiro hai que dar un repasiño das figuras xeométricas.
Para a seguinte actividade no día de hoxe necesitaremos dunha linterna e papel. O xogo é sinxelo, trataríase de, nunha habitación as escuras, crear siluetas co papel. Primeiro debuxade o que queirades e despois recortádeo. A continuación apagade as luces e colocade o papel coa silueta diante da linterna.
Xogaríase por turnos, primeiro unha persoa crea a silueta e o resto ten que intentar adiviñar o que é facendo preguntas do estilo de: É un animal? É de cor parda? etc, etc.
Para facelo máis interesante podemos xogar cos tipos de animais. Se debuxamos animais podemos facer preguntas como: ten pelo? é vivíparo? é hervívoro? é un mamífero? E aplicar os coñecementos que temos sobre os animais ao xogo. Isto podese modificar para aprender distintos contidos como vocabulario en inglés entre outros.
Outra versión do xogo poderíase facer da seguinte maneira: se xogan tres persoas, unha sería encargada de crear a silueta e pensar a palabra que se ten que adiviñar, outro tería que explicar o que é coa axuda da silueta e outro tería que adiviñar. O que crea a silueta tamén pode engadir palabras tabú ou palabras que non se poden dicir para explicar ese obxecto.
Déixovos aquí un conto moi simpático sobre o amor pola lectura. Sei que moitos dos vosos fillos e fillas son fanáticos dos contos e é algo que intento transmitir especialmente no colexio, así que espero que lles guste moito. Despois disto, poden facer un debuxiño e explicar cal é o libro que comerían eles se tivesen o poder do neno comelibros!
Hoxe decidín engadir ao blog unha xincana personalizada a modo de xogo. Trátase dunha viaxe polo espacio que nos vai servir para traballar distintos aspectos. Para facer esta viaxe o primeiro que debemos facer é unha nave espacia usando a papiroflexia e os planetas do sistema solar (tamén poden crear un novo sistema do espacio e poñerlle nomes aos planetas eles mesmos, así a actividade sería máis flexible porque podemos escoller o número de planetas, como son, etc.). Lembrade que podedes fabricalos vós mesmos cos vídeos que vos deixarei aquí:
Ou ben, usar materiais similares que sexan representativos como pelotas, canícas...
Unha vez creedes a nave e os planetas, o seguinte sería crear unha historia e as probas da xincana. Para xogar a xincana o ideal sería que lle contarades unha historia aos nenos e nenas do estilo de: "A NASA encargou a varios astronautas facer a primeira viaxe tripulada polo espacio exterior máis aló da lúa e escolléronvos porque..." Os nenos e nenas serán os astronautas desta viaxe. Para facer esta viaxe, colocaremos os planetas feitos ao redor de nós e a distintas distancias (como se colocarían os planetas ao redor da terra pero pensando en nós mesmos como a terra). Os pequen@s deberán lanzar o fogete espacial ao planeta que queiran viaxar. En cada planeta que visiten terán unha misión que realizar.
Para isto inventaredes unhas tarxetas a modo de historia. Da seguinte forma:
- "A túa nave chegou a Saturno, pero o aterrizaxe complicouse e o ordenador da nave estropeouse. Só o matemático da nave pode reparala".
Entón incluiredes unhas operacións matemáticas debaixo para que eles fagan e reparen a nave.
En outro planeta podedes poñer:
- "Chegades a Marte e comezades a recoller pedras para levar á Nasa para que investiguen, pero no camiño de volta a metade das pedras caeron sen que vos dárades de conta. Haberá que inventar unha excusa para que os da Nasa non se den conta".
Podedes empregar estas probas para actividades comúns como facer contas, crear unha historia sobre un tema en concreto, facer preguntas sobre o tempo atmosférico dun planeta, relizar actividades físicas para escapar de alieníxenas, crear a vosa propia base nese planeta co que teñades por casa (como facer unha tenda de campaña), ler o reloxo para saber cando teñen que marchar dun planeta, etc, etc.
Así podedes escoller os aspectos que máis vos interese traballar cos vosos fillos e fillas (totalmente personalizable).
Hoxe imos falar dunha das actividades que quedaron a medias no cole e que me gustaría que os nenos e nenas rematasen. A actividade é a creación dun ecosistema. Primeiro de todo, un vídeo recordatorio sobre o que son:
Agora, o primeiro que temos que ter en conta é que vai ser un ecosistema inventado ou fantástico, pero considerando todos os elementos cos que se crea un ecosistema, por iso:
- Temos que crear o seu medio físico. Para isto os nenos e nenas escolleran os elementos inertes ou sen vida que existen no seu ecosistema. Por exemplo: rochas, area, neve... (se queremos ser un pouco máis creativos podemos desvariar un pouco, dicindo que esta feito por unha alfombra xigante que cubre todo ou chatarra entre outros exemplos que podedes inventar). Unha vez escollamos temos que elixir onde imos facer o medio físico: eu diría que empregárades un terrario como estabamos usando na clase, pero tamén podedes usar caixas de cartón, un recuncho da casa, un caixón que non teña nada, etc. Ademais tedes que elexir os materiais cos que se farán os elementos do medio físico: saíndo a coller pedras ao xardín para as rochas, por exemplo.
- Despois de crear o medio físico podemos pasar a crear os seres vivos. Tamén poden ser inventados. Canto máis extravagantes mellor. Os materiais empregados para facer isto van dende a plastilina, pasando polo debuxo normal en papel ata as figuras de xoguete que eles memos teñan por casa de animais, vexetación ou monstruos. Os materiais tamén poden ser a elección propia.
As nenas e nenos teñen moitas ideas, deixádelle a eles elixir todo, son ben capaces!!